Starlink volve subir as súas tarifas en España

mércores, 20 de maio do 2026 Redacción

O servizo de acceso á Internet a través de satélites de baixa altura de SpaceX, Starlink, non conforme con modificar as súas tarifas no mes de marzo, comunica aos seus usuarios que, a partir do 20 de xuño muda os prezos dos seus plans residenciais xustificando a suba na «forte demanda de Starlink», «as melloras continuas» e o incrementos dos custos operativos globais. A nova estrutura de tarifas xa se aplica a novos clientes.
O plan residencial cunha velocidade de 100 Mbps mantén o seu prezo en 29 euros/mes, pero o plan con 200 Mbps queda en 45 euros/mes (o seu prezo actual era de 39 euros/mes, e a primeiros de ano custaba 29 euros/mes) e o plan Max (con velocidades de ata máis de 400 Mbps) pasa a custar 65 euros/mes (actualmente custaba 59 euros/mes e en marzo tiña un prezo de 39 euros/mes).
Temos así unha importante escalada de prezos para os usuarios que queren manter un servizo de calidade (o plan Max era o ordinario no pasado), e no caso de querer manter cotas reducidas hai que padecer conexións máis lentas. Lamentablemente os usuarios non poden facer moito máis que someterse á arbitrariedade das tarifas de Starlink, servizo que, no caso de zonas afastadas, carece dunha competencia real, xa que o resto de servizos por satélite teñen unha latencias demasiado elevadas que imposibilitan moitos dos usos habituais da Rede.