Telefónica acada 150 millóns de clientes en Latinoamérica

mércores, 3 de setembro do 2008 Raquel Noya

A operadora nacional Telefónica vén de acadar, doce meses antes da data marcada como límite (decembro de 2009), os 150 millóns de clientes en Latinoamérica, unha cifra que reafirma o éxito que a firma de telefonía máis antiga do estado español está a acadar alén das nosas fronteiras.
Así o vén de afirmar o director xeral de Telefónica Latinoamérica, José Mª Álvarez-Pallete, no marco do XXII Encontro de Telecomunicación da UIMP celebrado en Santander, onde tamén analizou as claves da nova Latinoamérica do século XXI que, segundo di, sitúase xa “en niveis de desenvolvemento tecnolóxico e innovación semellantes á dos países máis punteiros”.
Deste xeito, apuntou, non só se multiplicaron significativamente os niveis de penetración da banda larga e a telefonía móbil no territorio (17 e 75 por cento respectivamente), senón que Latinoamérica se converteu nunha “rexión de peso no mercado mundial das telecomunicacións”.
Baixo este contexto, Álvarez-Pallete sinalou que o desenvolvemento das infraestruturas de telecomunicacións, a innovación tecnolóxica e a incorporación das novas tecnoloxías aos distintos sectores industriais foron “as principais pancas que deron orixe á nova Latinoamérica do século XXI, fortalecendo a competitividade das súas principais economías”.
Neste senso, e pese á desaceleración prevista na economía mundial, agárdase un crecemento anual do PIB na rexión en torno ó 4 por cento de media ata 2011, ó tempo que a poboación superará, nos vindeiros 2 anos, os 620 millóns de persoas (uns 140 millóns de fogares), cun crecemento significativo da clase media e a poboación urbana que redunda positivamente no potencial de consumo.
Esta “nova Latinoamérica”, está máis preparada para facer fronte ás dificultades do actual entorno macroeconómico, grazas, en parte, ao papel de Telefónica no desenvolvemento da Rexión que, segundo as verbas de Álvarez-Pallete, “foi determinante”.