Telefónica está a probar o uso de femtocelas para mellorar a cobertura 4G en interiores

xoves, 22 de maio do 2014 Marcus Fernández

O diario Cinco Días deu conta dunha experiencia piloto que Telefónica está a principiar en Madrid, onde a compañía está a instalar aos clientes de conexións de fibra óptica, xuntou aos seus routers e decodificadores, unha femtocela 4G, que vén a ser unha especie de estación base de telefonía móbil deseñada para empregar no fogar e en pequenos negocios onde hai unha mala cobertura do móbil, o que permitiría superar o grande atranco que ten a banda dos 1.800 MHz empregada actualmente polo LTE mentres non se libere a banda dos 800 MHz (que mellora considerablemente a súa penetración nos edificios).
Esta tecnoloxía permitiría que os móbiles con 4G poidan gozar de conexións de ata 150 Mbps, e beneficiaría tanto aos usuarios das conexións de fibra óptica como aos seus veciños, que experimentarían unha mellora de cobertura móbil 4G nos seus fogares.
Polo momento esta experiencia está a probarse só durante 2 meses e nunha zona moi limitada e, de acadarse bos resultados, poderían exportala a outros países de Europa e América latina.