Telefónica logrou ata setembro un beneficio neto de 2.849 millóns de euros

mércores, 12 de novembro do 2014 Redacción

Telefónica deu a coñecer hoxe, da man do seu presidente César Alierta, as súas cifras de negocio referidas a 2014. Segundo fixo saber, a operadora foi quen de acelerar o seu proceso de crecemento ata situarse nun beneficio neto de 2.849 millóns de euros ata o pasado mes de setembro. Os ingresos do terceiro trimestre foron de 13.021 millóns de euros (+2,8% interanual) e os amoreados ao longo do ano de 37.978 millóns de euros, +1,9%, “cunha clara mellora de tendencias en case todos os países entre xullo e setembro”.
Ademais, engadiu o presidente da operadora, o comportamento dos ingresos e as eficiencias derivadas do proceso de transformación da compañía foron quen de impulsar o OIBDA (4.269 millóns de euros no terceiro trimestre; 12.325 millóns de euros ata setembro), que retorna ao crecemento en termos orgánicos (+0,8% no trimestre, +0,2% interanual no nove primeiros meses do ano).
Telefónica tamén lembrou que o seu fluxo de investimento, entre xaneiro e setembro, medrou un 26,2% en termos orgánicos, sumando 5.738 millóns de euros, incluíndo neste punto adquisición de espectro. “Case tres cuartas partes”, informou a empresa española de telecomunicacións, “destináronse á modernización e diferenciación das redes, aspectos claves para o crecemento sustentable”. Exemplos disto foron a duplicación ao longo deste ano do alcance da rede de Fibra ata o Fogar (FTTH) e a ampliación aplicada sobre as estacións base con LTE (que se multiplicaron por 2,5).
Por outra banda, Telefónica engade que entre xullo e setembro acadou unha ganancia neta trimestral récord tanto de smartphones (8,5 millóns no trimestre), como de accesos de fibra (265 mil accesos máis), á vez que se captaron case medio millón de accesos de TV de pago. A compañía conta, a finais de setembro, con 316,1 millóns de accesos totais (+2%, orgánico), dos que case o 79% son accesos móbiles.