Telefónica non quere financiar a Televisión Española

xoves, 21 de maio do 2009 Marcus Fernández

Pedro Luis Calvo, Guillermo Ansaldo e Julio Linares na inauguración da feira Movilforum 2009

Durante a celebración da feira Movilforum 2009, o presidente de Telefónica España, Guillermo Ansaldo, expresou o seu rexeitamento ao canon imposto aos operadores de telecomunicacións para financiar a televisión pública unha vez que suprima a publicidade, asegurando que «ningún sector pode estar conforme cunha imposición que está á marxe da súa actividade».
Ansaldo considera que aínda é cedo para falar de recursos ante os tribunais españois ou comunitarios, pois a proposta de que o 0,9% dos ingresos anuais das operadoras de telecomunicacións vaia a parar ás arcas de Televisión Española aínda está limitada a un anteproxecto de lei do que faltan varios pasos para concretarse nunha lei en vigor. A posición de Telefónica coincide co de outras compañías do sector, que tamén manifestáronse en contra da posible medida do Goberno, pero agardarán á aprobación final da lei para tomar medidas ao respecto.