Telefónica ofrece chamadas a través de 5G

venres, 19 de decembro do 2025 Redacción

Telefónica converteuse na primeira operadora en completar a despregadura da voz sobre 5G en todo o Estado, ao permitir que todas as chamadas se cursen a través de redes 5G Stand Alone (5G SA). Este avance sitúa á compañía á vangarda das comunicacións móbiles en España, ao combinar a ampla cobertura da súa rede 5G cunha mellora significativa na calidade e estabilidade das chamadas de voz.
A tecnoloxía VoNR (Voice over New Radio) permite chamadas con maior nitidez e menor latencia, ao tempo que posibilita o uso simultáneo de servizos intensivos en datos, como vídeo en alta definición, xogos na nube ou aplicacións profesionais críticas, sen interrupcións nin perda de calidade. Trátase dun paso clave para consolidar a 5G como infraestrutura integral de comunicación, máis alá da conectividade de datos.
Este servizo xa se está a empregar en escenarios nos que a voz resulta especialmente relevante, como eventos con grandes concentracións de persoas, e tamén no ámbito empresarial, onde a fiabilidade das comunicacións é un factor estratéxico. A voz sobre 5G preséntase así como unha ferramenta especialmente útil para sectores que requiren comunicacións continuas e estables.
A VoNR está dispoñible para os clientes de Movistar que conten con dispositivos 5G compatibles, sen necesidade de cambiar de número nin de contratar tarifas adicionais. A compañía prevé ampliar progresivamente a compatibilidade a novos terminais, co obxectivo de facilitar unha adopción máis ampla desta tecnoloxía nos vindeiros meses.
Este fito foi posible grazas ao impulso dado por Telefónica á despregadura da rede 5G SA, que xa alcanza máis de 5.700 municipios e cobre máis do 94 % do territorio, utilizando as bandas de 700 MHz, 3.500 MHz ou ambas.