Telefónica ofrecerá este ano unha conexión VDSL dúas veces máis potente que a actual ADSL

martes, 16 de xaneiro do 2007 Raquel Noya

Primeiro foi a liña ADSL, pero o mega de descarga que ofrecía esa amplitude de banda axiña quedou obsoleto pola tecnoloxía ADSL2+ e os seus 20 megas. Mais este ancho de banda non abonda agora tampouco para conformar ós máis esixentes en materia de velocidade na Rede, polo que Telefónica xa anunciou que este ano ofrecerá un servizo de conexión ADSL novo (coñecido como “VDSL”) dúas veces máis potente có actual e 50 veces máis rápido có acceso de banda ampla máis rudimentario.
O que a compañía española ofrece agora é unha conexión de 50 megabits por segundo, para a cal precisará un investimento de arredor de 800 millóns de euros.
Con esta nova aposta pola VDSL, a compañía quere liderar de novo o mercado da conexión de banda ancha a Internet (perdeu pulo nos últimos tempos perante a competencia neste eido) e, aínda que non se coñece a data exacta do lanzamento, sospeitase que a partir do verán podería estar xa a disposición dos usuarios.
Nesta liorta entre compañías comezará entón unha nova batalla: a das conexións a Internet de 50 megas.