Telefónica pacta a compra de E-Plus co obxecto de crear un operador líder en Alemaña

martes, 23 de xullo do 2013 Redacción

A operadora Telefónica vén de aprobar finalmente a compra de E-Plus, filial de KPN en Alemaña. Agárdase que esta adquisición, pendente das autorizacións que lle son propias a unha operación coma esta (amais da aprobación das xuntas de accionistas de ámbolos grupos corporativos), dea como froito a posta en marcha dun grupo con potencial de líder no mercado móbil alemán, con 43 millóns de clientes móbiles e unha suma de ingreses que rolde os 8.600 millóns de euros. A intención de Telefónica é ter lista a operación durante a primeira metade de 2014. Para a operadora, a operación achega unha chea de posibilidades en materia de sinerxías, sobre todo nos eidos da distribución, atención ao cliente e servizos de rede, sinerxías que terían un valor total de entre 5.000 e 5.500 millóns de euros.
A operación realizarase en dúas fases. Na primeira, Telefónica Deutschland mercará o 100% de E-Plus por 3.700 millóns de euros, en efectivo, e o 24,9% da entidade combinada. O pago en efectivo financiarase a través dunha ampliación de capital de 3.700 millóns de euros, dos cales Telefónica S.A. subscribirá o 76,8% en proporción á súa participación actual, correspondente a 2.840 millóns de euros. Na segunda fase, Telefónica S.A. comprará a KPN unha participación do 7,3% na entidade resultante, por un prezo de 1.300 millóns de euros. “Así”, explica a operadora española, “ao final dos dous treitos do proceso, as participacións de ambas as entidades na nova Telefónica Deutschland serán do 65% e o 17,6%, respectivamente, mentres que o resto será capital flotante”. Os fondos totais comprometidos por Telefónica nesta operación ascenden a 4.140 millóns de euros do total dos 5.000 millóns pagos en efectivo a KPN.