Telefónica podería comezar a vender o iPhone con 3G no verán

venres, 1 de febreiro do 2008 Marcus Fernández

César Alierta amosando un iPhone

La Voz de Galicia sostén que Telefónica venderá en exclusiva para España e Italia o novo iPhone con tecnoloxía 3G a partir do mes de xullo, de xeito que o presidente de Telefónica, César Alierta, podería anunciar oficialmente o acordo pechado con Apple durante o Mobile World Congress que se celebrará entre os días 11 e 14 do presente mes.
Telefónica Móviles sería a operadora que vendería o desexado terminal telefónico en España, mentres que no país italiano sería Telecom Italia (empresa participada por Telefónica) a que terá a distribución en exclusiva do iPhone.
Dende La Voz tamén aseguran que a revisión do iPhone que incorporaría conectividade UMTS se venderá simultaneamente en Estados Unidos e en Europa. Tamén comentan a posibilidade de que Steve Jobs fixese a súa primeira visita oficial a Madrid para a inauguración da macrotenda que Telefónica ultima na Gran Vía madrileña, onde se presentaría formalmente o iPhone.