Telefónica prepara a súa rede de fibra para poder ofrecer velocidades de até 2,5 Gbps

venres, 15 de marzo do 2019 Marcus Fernández

JPEG - 102 KB
Juan Carlos García, director de Tecnoloxía e Arquitectura de Rede de Telefónica, falando das posibilidades dos seus vindeiros routers

Aínda que para a meirande parte dos usuarios as actuais ofertas de banda larga fixa exceden por moito as súas demandas de velocidade de acceso, os operadores de telecomunicacións non paran de avanzar para anticiparse ás esixencias do mercado, e tras anunciarse no Mobile World Congress que Telefónica pretende comercializar este mesmo ano un router con Wi-Fi 6 e capaz de conseguir velocidades de até 9,7 Gbps (ou sexa, preparado para o futuro), aseguran que xa están a preparar a súa rede de fibra para acadar velocidades de 2,5 Gbps, prevendo que a súa rede chegue a evolucionar até os 25 Gbps.
Actualmente as tarifas converxentes de Movistar chegan até os 600 Mbps simétricos, pero coa tecnoloxía de rede que están a empregar poderían chegar até os 2,5 Gbps, velocidade que non poden garantir en condicións de máxima concorrencia, de aí que polo momento non estean ofrecendo estas altas velocidades de xeito comercial.
Dado que xa hai operadores que ofrecen velocidades de até 1 Gbps, non sería de sorprender que nos vindeiros meses Movistar achegase novas velocidades ao longo do ano (especialmente porque os routers que distribuíu nos últimos meses están preparados para chegar até 1 Gbps), aínda que os esforzos da compañía están centrados actualmente na transición do cobre á fibra óptica no conxunto de España, de xeito que pecharon 2018 cunha rede de fibra que chega a 21,3 millóns de fogares, de aí que vexamos como cada día é menor a presenza do ADSL (tecnoloxía que pretenden extinguir nun par de anos).

PUBLICIDADE