Telefónica proba a telefonía móbil de cuarta xeración

venres, 3 de abril do 2009 Marcus Fernández

Berta é o prototipo empregado durante as probas de Telefónica

Preparándose para o futuro, Telefónica vén de realizar as primeiras probas públicas da tecnoloxía de telefonía móbil de cuarta xeración (LTE), para o que empregando un prototipo de terminal (un Ericsson Berta de grande tamaño que co tempo pasará a ter un formato coma o dos móbiles actuais) foron capaces de descargar datos a unha velocidade superior aos 140 Mbps, o que supón un importante incremento con respecto das tecnoloxías 2G e 3G que temos na actualidade, onde a velocidade máxima é de 7,2 Mbps, aínda que nos vindeiros meses comezará a implantarse a tecnoloxía HSDPA+, que permitirá que as redes 3G superen os 21 Mbps de velocidade e incluso poderían chegar a evolucionar ata os 84 Mbps, momento no que se marcará o seu tope tecnolóxico e será cando busquen o salto ao 4G (LTE), para o que aínda non hai data estimada.
Estes avances na banda larga móbil resultan de moito interese de caro ao futuro, pois poderían supor un dos alicerces para a loita contra a fenda dixital, achegando un acceso á Rede de calidade a puntos nos que non chegan as redes físicas.

Nas probas realizadas conseguiron superar os 140 Mbps de velocidade de transferencia de datos