Televés forma a técnicos de Colombia no proceso de introdución da TDT no país

martes, 15 de decembro do 2015 Redacción

Televés, a compañía galega de servizos de telecomunicacións para o fogar, vén de asinar un convenio de colaboración co Servizo Nacional de Aprendizaxe de Colombia (SENA). O SENA é un organismo público de ámbito nacional cuxa misión é investir no desenvolvemento social e técnico dos traballadores colombiano para mellorar o país. Emporiso, as cidades de Bogotá e Bucaramanga foron os lugares de celebración das primeiras accións formativas levadas a cabo no contexto deste acordo, estamos a falar de cursos de 25 horas de duración que teñen por obxectivo fortalecer o coñecemento dos instrutores do SENA relativo ao deseño e instalación de infraestruturas de telecomunicacións.
Para iso deseñouse un plan de formación a medida, teórico e práctico, sobre captación e distribución de sinais de Televisión Dixital Terrestre (DVB-T / DVB-T2) e de televisión por Satélite. Tamén se incluíron no programa solucións de cabeceiras dixitais que permiten dar resposta ás necesidades dos operadores de televisión por fío.
A empresa Televés, que ten a súa sede central en Compostela, colaborará co SENA en diferentes eidos relativos á transferencia de coñecementos e á formación de técnicos. “Para a nosa compañía é un orgullo colaborar cunha institución de tanto prestixio como o SENA. Compartimos a visión de que a educación técnica de calidade é un dos alicerces do desenvolvemento e competitividade do país”, sinalou Juan Molezún, director de Negocio Internacional da Corporación Televés. Molezún salientou o feito de que Colombia se atope arestora en pleno proceso de introdución da Televisión Dixital Terrestre (TDT), o cal supón “un gran pulo tecnolóxico”.

PUBLICIDADE