Three achega a Rede ós seus móbiles
martes, 21 de novembro do 2006
A compañía británica Three lanzará unha serie de servizos agrupados baixo o nome 3 X-Series, que achega ó móbil unha serie de servizos máis propios dun ordenador coma son o Skype, o Microsoft Messenger, o acceso á televisión Sling, acceso remoto ó ordenador, descargas directas de podcasts, o servizo de poxas de eBay, os servizos de Yahoo! Go e navegación a través da Internet.
Para utilizar estes novos servizos hai que contar con telefonía móbil de terceira xeración (UMTS), e deste xeito se saca un proveito a esta tecnoloxía que vai moito máis aló da realización de chamadas e o envío de SMS.
Todos estes servizos para móbiles non son unha novidade, pero o feito de que se agrupen nunha única solución resulta sumamente atractivo. Para poder empregar o revolucionario servizo é preciso contar cun Nokia N73 ou un Sony Ericsson W950 (que se converterían practicamente en ordenadores portátiles para o peto), aínda que en 2007 se incorporarán máis terminais a esta oferta.
Deste xeito, é doado que dende case calquera lugar se poida empregar a mensaxería instantánea, ver as canles de televisión que recibimos no noso fogar (incluíndo as de pago) dende o móbil, participar en poxas a través da Rede, acceder a contidos multimedia ou establecer chamadas mediante VoIP. Precisamente este último servizo se realiza coa tecnoloxía de Skype, e o co-fundador de tal empresa comentou na presentación desta nova solución que pensa que “3G non é a banda larga real, pero acaba de chegar”, e parece claro que as empresas intenten captar usuarios da Internet dende o móbil (xa que hai tres veces máis usuarios de móbiles que de ordenadores conectados á Rede).
O que tamén abre ese novo servizo e a posibilidade de atopar novos modelos de negocio, pois aínda que se poidan contratar, parece que a intención é que se financien a través de publicidade.
Ademais, en breve Three pasará o servizo de UMTS a HSDPA, polo que contará con velocidades semellantes á dunha conexión ADSL (mentres que na actualidade só se podería comparar a unha liña RDSI).
Queda por ver se a demanda deste tipo de servizos fai que os operadores de toda Europa comecen a súa integración, no que podería ser o salto definitivo do móbil á Rede.
