Todo sobre a XIII edición de FalaRedes (Política Lingüística) no Portal da Lingua
mércores, 3 de abril do 2024
A Secretaría Xeral de Política Lingüística puxo en marcha (un ano máis) o programa de dinamización lingüística nos concellos FalaRedes, pensado para encher o tempo de lecer con actividades en galego entre os máis de 200 municipios e agrupacións pertencentes á Rede de Dinamización Lingüística. Así o anunciou este 3 de abril, no Pazo de San Roque de Santiago, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, que participou na presentación da programación da XIII edición desta iniciativa cuxas actividades poderemos ir consultando ao detalle na axenda do Portal da Lingua, onde se irán actualizando conforme se pechen as actuacións.
García, que estivo acompañado dunha ampla representación das compañías participantes nesta edición, incidiu na importancia deste programa, “un dos máis sólidos deste departamento”, que segue medrando cada ano coa incorporación de novos concellos e agrupacións á Rede, “o que fala do atractivo desta iniciativa creada co obxectivo de ampliar a oferta de ocio en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua entre todos os rangos de idade da cidadanía”.
Segundo informou FalaRedes 2024 está a programar polo de agora preto de 150 pases de 12 actividades de ocio diferentes que inclúen música, teatro, monicreques, obradoiros e mesmo unha exposición. Desenvolveranse a partir deste mes e ata pasado o verán entre distintos concellos e entidades da rede.
Programación para abril e maio
A edición ábrese este domingo 7 de abril en Allariz co primeiro pase de Made in Galiza, o espectáculo teatral de Séchu Sende que reflexiona sobre a actitude das persoas falantes respecto da súa propia lingua. Despois, a obra visitará os concellos de Viveiro, Negreira, Padrón e Bueu.
Tamén arredor da lingua xira a exposición Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir, que visitará Boiro, Betanzos, Ribadeo e Cambados entre abril e maio. Composta por nove paneis, a mostra recolle diversas peculiaridades do galego co fin de mostrar o seu valor e a súa riqueza.
Ademais, co gallo das Letras Galegas, o FalaRedes programa dúas accións arredor da figura de Luísa Villalta, autora homenaxeada este 2024: o espectáculo multidisciplinar Indóciles, que mestura poesía, música e narración oral da man de Vero Rilo, Nuria Vil e Mónica de Nut, e o teatro de monicreques Isaura e Tristán. Contahistorias, de Fantoches Baj, unha peza teatral para público familiar creada a partir do derradeiro libro de Villalta, As chaves do tempo.
Actividades programadas para o verán
A partir do mes de maio, o Falaredes ampliará a axenda con máis actividades culturais dirixidas á mocidade, como o espectáculo multidisciplinar Ópera Break´s que, coincidindo co ano en que o breakdance chega aos Xogos Olímpicos, mestura obradoiros e representacións musicais; a peza teatral Wombo Combo, de Galeatro, que reflexiona sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia, ou os obradoiros de banda deseñada, que achegarán a rapazada aos elementos da linguaxe narrativa visual do cómic da man de profesionais como Inés Vázquez, Alberto Guitián ou Manel Cráneo.
A música tamén será protagonista desta programación con espectáculos como Cantigaéverso, de Castro e Welincki, que repasa os clásicos da poesía galega musicada; o espectáculo infantil Picadiscos Mari Faltri, no que María Faltri brinda á cativada unha escolla da mellor música infantil en galego; as sesións de DJ en Galicia en Galego, que achega os principais expoñentes da música galega nos seus máis diversos estilos da man de artistas como Carlos Crespo ou Kris K Dj, e o concerto Alalás e cantigas do camiño de Santiago, que reúne no escenario á cantante Uxía con Sergio Tannus e Germán Díaz.
Tamén participa nesta edición de FalaRedes a familia máis famosa da literatura infantil galega, Os Bolechas, que visitarán medio centenar de concellos galegos cos seus espectáculos e ruadas arredor do deporte e a cultura.