Tuenti aposta pola voz sobre IP dende a súa aplicación

venres, 11 de xullo do 2014 Marcus Fernández

Os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) o teñen cada día máis difícil para diferenciarse dos operadores tradicionais, ante a baixas de prezo destes últimos, polo que teñen que buscar fórmulas para atraer a máis usuarios, e nesa liña Tuenti está a evolucionar o seu servizo de voz IP, que ata o momento permitía as comunicacións de voz de balde entre usuarios da aplicación móbil de Tuenti e que agora abre esta solución a chamadas a teléfonos fixos e móbiles.
O novo servizo chámase VozDigital e permite que dende a aplicación de Tuenti para iOS e Android ou vía web (cos navegadores Chrome e Opera) poidamos realizar chamadas a números de teléfono nacionais, sen custo adicional e sen consumir datos e con independencia do terminal empregado (aparecendo sempre o noso número).
Este servizo estreouse esta semana en dúas modalidades: unha de 13 euros que inclúe 1 Gb de datos e 200 minutos de VozDigital (que non consume datos nin cobra establecemento de chamada) e outra de 25 euros que inclúe 2 Gb de datos e un número ilimitado de minutos a través de VozDigital. Ambas tarifas están dispoñibles en contrato e prepagamento, cobrándose as chamadas fóra da aplicación de Tuenti a 0 céntimos/minuto + establecemento.