Tuenti bota a andar na telefonía móbil

martes, 14 de decembro do 2010 Marcus Fernández

Baixo o lema de «liberamos o mercado móbil» anúnciase hoxe a posta en marcha do Operador Móbil Virtual de Tuenti, paso moi agardado dende a adquisición por parte de Movistar desta plataforma de redes sociais española, e que polo momento está só nunha fase piloto na que só uns poucos usuarios poden probar o servizo mediante invitación (serán os propios usuarios os que as distribúan).
Tuenti non quere ser unha operadora máis, senón que buscan «ser un movemento que reforce as túas relacións sociais coma un servizo innovador, transparente e asumible», o que queda patente con medidas coma que os seus clientes terán de balde o servizo de chat móbil, non adquirirán compromiso de permanencia, carecerán de consumo mínimo e terán unhas tarifas claras.
Queda moito por definir no futuro desta nova OMV de Movistar, non estando determinados aínda nin o seu nome definitivo nin os detalles finais do servizo, aínda que polo momento xa se coñecen algúns dos seus planazos, que permiten chamar e mandar mensaxes de texto de balde a 5 amigos a calquera hora (incluíndo acceso de balde á versión móbil de Tuenti) por 3 euros no bono de 7 días (que inclúe 250 minutos de voz, 250 SMS e 50 Mb de datos na web de Tuenti), 4,5 euros no de 14 días e 9 euros no de 30 días (cunhas condicións proporcionais ás anteriores). Os prezos das chamadas entre usuarios de Tuenti sería de 4 céntimos/minuto, pasando aos 8 céntimos/minuto para o resto de usuarios, cun establecemento de chamada de 15 céntimos. As mensaxes de texto custarán 4 céntimos, aínda que con cada recarga de a partir de 5 euros acadaranse 50 mensaxes de balde durante os 30 días seguintes.

Tarifas actuais do novo OMV de Movistar