Tuenti será o primeiro OMV español en ofrecer 4G

venres, 5 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Tras moitos meses marxinados da telefonía móbil 4G, os Operadores Móbiles Virtuais (OMV) están a ultimar o seu salto á nova xeración, e aínda que a compañía deste tipo que antes anuncio a súa intención de ofrecer conectividade LTE aos seus clientes era Pepephone, o operador que lle subministrará o sinal, Movistar, adiantóuselle, e vai ofrecer antes este tipo de conexión a través do seu propio OMV, Tuenti Móvil, que estreará 4G o vindeiro día 15.
Os clientes de Tuenti poderán así gozar de 4G coa cobertura de Movistar, dispoñible en máis de 200 cidades españolas, con calquera das tarifas actuais, incluíndo tamén o servizo VOZDIGITAL (con chamadas de VoIP de balde). O operador continuará a gozar de vantaxes como carecer de compromiso de permanencia, permitir un grande control dos seus servizos a través da súa aplicación móbil oficial e permitir cambiar de tarifa en calquera momento.