Twitch Prime agasallará un xogo ao día até o 18 de xullo

martes, 3 de xullo do 2018 Marcus Fernández

Nos últimos meses os usuarios Prime de Twitch puideron gozar dunha novidade moi atractiva, consistente en recibir videoxogos de balde coa súa subscrición (que está incluída sen custo adicional con Amazon Prime) e, para celebrar o vindeiro Amazon Day, estrean unha promoción espectacular que traduciríase no meirande obsequio de xogos na historia de Twitch Prime.
Estes días os membros de Twitch Prime poderán incorporar á súa colección de xogos un título cada día até o día 18, que poderán canxearse por tempo limitado, pero que manteranse para sempre en propiedade dos usuarios. Comezan forte, e nestes momentos podemos obter o xogo de rol Pillars of Eternity – Definitive Edition (valorado en 36,99 euros), incorporándose logo os xogos clásicos de Neo-Geo Metal Slug 3 e The Last Blade (valorados en 6,99 e 9,99 euros respectivamente), e que serán claramente ben recibidos polos amantes dos salóns recreativos de finais dos anos 90.
Outros xogos que irán incorporándose serán Twinkle Star Sprites (tamén de Neo-Geo), QUBE2, Manual Samuel, GoNNER, Next Up Hero, Uurnong Uurnlimited, Hue, Deponia Doomsday, Observer, Tacoma (reputada aventura de ciencia ficción dos creadores de Go Home), The Bridge, Brütal Legend (grande xogo de Tim Schafer no que mesturan o heavy metal cunha aventura de espada e bruxería, con certos toques de humor, de aí que puidésemos definir a este título como un híbrido entre o universo do Señor dos Aneis e o falso documental de Spinal Tap), The Red Strings Club, Tyranny, Broken Age (aventura de Double Fine Productions que conseguira máis de 3 millóns de dólares para o seu financiamento a través de Kickstarter), The Framed Collection e Serial Cleaner.
Ao ir chegando de xeito paulatino, temos así un reclamo para que os usuarios de Twitch Prime pasen día a día a reclamar un xogo para a súa colección, e así poder botar un ollo a unha boa selección de títulos que en varios casos foron grandes lanzamentos, estando a súa calidade garantida.

Vídeo da nova promoción de Twitch Prime para celebrar o Prime Day

PUBLICIDADE