Twitter Blue por fin é global

xoves, 23 de marzo do 2023 Marcus Fernández

O servizo de subscrición de pagamento de Twitter para poder gozar de prestacións exclusivas chamado Twitter Blue ábrese hoxe a todo o mundo, despois de espallarse lentamente por distintos países, o que fai así que este xeito de poder lucir un selo de verificación xunto ao nome de usuario estea ao alcance de calquera que queira pagar por el, o que permite finalmente dar o seguinte paso para este xeito de entender o devandito selo: eliminar os selos de verificación que existían anteriormente, que na súa meirande parte recoñecían a entidades, empresas e figuras públicas, pero que asignáronse mediante métodos corruptos que, en vez de corrixirse, Elon Musk preferiu erradicar para optar por unha solución na que o pagamento é o criterio imperante.
O proceso de eliminación dos selos de verificación herdados comezará o vindeiro 1 de abril, data bastante curiosa (xa que é o equivalente ao Día dos Inocentes en países anglosaxóns), e levará a que os particulares que queiran contar con tal etiqueta teñan que pagar. As empresas recibirán un selo dourado e os particulares un selo azul, pero realmente non se paga pola verificación (que na práctica non existe) senón por unha serie de funcionalidades en Twitter como poder gozar dunha experiencia de lectura de novas mellorada, a posibilidade de consultar os artigos destacados polas persoas ás que seguimos ou o acceso anticipado a funcións como poder publicar chíos de até 4.000 caracteres de lonxitude, editar chíos, subir vídeos Full HD de até 60 minutos de duración ou poder organizar os chíos que gardemos en cartafoles.
Twitter Blue para particulares ten un prezo de 8 euros/mes ou 84 euros/ano, e pese a que leva xa moitos meses activo (bastante antes da entrada de Musk en Twitter) perdeu algunhas funcionalidades e detalles que prometen dende hai meses, como conseguir maior visibilidade e reducir a publicidade en Twitter á metade, non terminan de concretarse, polo que o pagamento polo servizo semella abusivo (especialmente porque antes de chegada de Musk o prezo era de 2,99 dólares/mes).

PUBLICIDADE