Twitter prepárase para retransmitir vídeo as 24 horas

mércores, 26 de abril do 2017 Marcus Fernández

Anthony Noto, COO e CFO de Twitter

Nunha entrevista concedida a BuzzFeed o director de operacións e finanzas de Twitter, Anthony Noto, recoñeceu que a súa compañía está interesada en retransmitir vídeo en directo as 24 horas os 7 días da semana, ou sexa, o equivalente a unha canle de televisión, que podería acubillar as retransmisións en vivo de eventos deportivos, informativos e programas de entretemento que xa ofrece Twitter actualmente (principalmente nos EE.UU.).
Noto deixaría así caer que Twitter TV ou The Twitter Network podería ser unha realidade en breve, reforzando a aposta da compañía polo vídeo en directo, confirmando que «a nosa meta é ser un lugar fiable de xeito que cando queiras ver o que está a acontecer penses en acudir a Twitter».
Resulta evidente que esta aposta polo directo busca incrementar os ingresos publicitarios, xa que as grandes retransmisións permite a integración de anuncios en vídeo de 15-30 segundos que atraerían aos anunciantes da televisión tradicional.
En calquera caso Noto non detalla exactamente no que están a traballar, xa que aseguran que están a facer moitas cousas, polo que as coberturas electorais, a alfombra vermella dos Oscars ou as retransmisións deportivas poderían ser só unha pequena mostra do que Twitter podería ofrecer ao audiovisual, sendo posible que chegue a conformar unha oferta de contidos orientada ao seu consumo constante de fondo, de xeito que o espectador só lle prestaría atención cando escoitase algo do seu interese, polo que teríamos vídeo dixital ambiental que non competiría realmente cos servizos de vídeo en streaming actuais, senón que trasladaría parte do modelo da televisión tradicional que normalmente está ausente da Rede.

PUBLICIDADE