Un cento de youtubeiros españois volven causar sensación cunha partida a Fortnite

luns, 25 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Durante toda a fin de semana celebrouse no IFEMA (Madrid) unha nova edición co festival de videoxogos e eSports chamado Gamergy, no que desenvolvéronse numerosos torneos e actividades, entre as que destacaba a celebración dunha competición de Fortnite que baixo o título de YT Battle Royale xuntou a un cento de youtubeiros, repetindo a xesta do pasado mes de marzo, aínda que desta volta as celebridades acudían en persoa, creando unha grande expectación e conseguindo unha vez máis un grande éxito no streaming, superando os 700.000 espectadores en directo a través da canle de ElRubius, un dos organizadores do torneo xunto coa Liga de Videoxogos Profesional (LVP). Pero cómpre advertir que os espectadores totais do directo serían moitos máis, xa que había 99 participantes máis realizando cadansúa retransmisión e, aínda que non teñen tantos seareiros como ElRubius, todos teñen bastante peso na Rede.
Se miramos as reproducións destes vídeos tamén en diferido temos que ElRubius xa supera os 9 millóns de reproducións e, por exemplo, o galego Wismichu, tamén supera os 1,6 millóns de reproducións; tamén temos casos como TheGrefg, cuns 2,5 millóns de reproducións; DjMaRiiO tería preto dun millón de reproducións; aLexBY11 achegaríase ás 200.000 reproducións... en definitiva, un encontro que conseguiu un grande impacto en YouTube, mentres que presencialmente estaba máis limitado, xa que para esta actividade limitaron o aforo a 1.600 persoas, converténdoo nun evento bastante exclusivo se atendemos á repercusión conseguida.
Este tipo de competicións están a confirmar tanto o éxito de Fortnite como un xogo que resulta atractivo para espectadores como o feito de que os youtubeiros están lonxe de ser un fenómeno de moda, e con figuras que tanto aglutinan audiencias como xeran influencia, sendo en boa medida partícipes da explosión de Fortnite (como xa acontecera no seu momento tamén con PUBG, o xogo que puxo de moda o battle royale).