Un estudo considera deficiente o servizo de asistencia técnica de R

mércores, 6 de xullo do 2016 Marcus Fernández

A Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL) en colaboración coa Asociación Pro Dereitos Civís, Económicos e Sociais (ADECES) dá a coñecer os datos do IX Estudo de Atención ao Cliente en Telecomuniacións, realizado a través de 1.389 chamadas, das que 91% tiveron como destino o Servizo de Atención Comercial (SAC) para solicitar información e as restantes están relacionadas co Servizo de Asistencia Técnica (SAT) do operador.
Este estudo desenvolveuse entre os meses de febreiro e abril, e permítenos saber unha vez máis que as empresas teñen que mellorar estas canles de comunicación cos seus clientes, pois aínda que na valoración global todos conseguen superar unha valoración dun 5, só Movistar cun 6,34 superaría o 6, mentres que compañías como R quedan cun bastante feble 5,30 (só por diante de Orange e Jazztel).
O servizo de asistencia técnica (SAT) é un dos elementos máis relevantes da prestación do servizo, conseguindo só aprobar Movistar (6,28), Eukaltel (5,64) e Ono (5,28), mentres que a peor compañía sería Jazztel (3,95) e R tamén quedaría nunha moi mala posición (4,95) agravada polo feito de que dende ADECES apuntan que para a resolución dunha incidencia o operador con sede en Galicia pasou de precisar dunha media de 2 chamadas a 4. R tamén quedaría en mala posición en atención comercial, coa peor puntuación do Estado (5,64) sendo xunto con Jazztel (5,89) os únicos operadores que non superan o 6.
Outro factor no que R ocupa o peor resultado do estudo é na identificación completa do operador, o que é un serio problema para o exercicio pleno dos dereitos do usuario, e que R quedaría nun ridículo 8,18% mentres que a media é do 37% e compañías como Telecable chegan ao 80%.
Unha das informacións máis elementais, a do prazo de instalación, tamén pode resultar moi frustrante, especialmente cando hai unha grande diferenza entre os prazos informados e os reais, que tamén deixa quedar a R en mal lugar (con 12 días) mentres que Movistar quedaría en 3 días.