Un foro achegará estudantes e empresas na Universidade de Vigo
venres, 16 de marzo do 2012
Tras unha anterior edición na que se superaron todas as
marcas anteriores de participación, a vindeira semana terá lugar en Vigo a 12ª
edición do Foro Tecnolóxico de
Emprego, que pretende achegar ao mundo laboral aos estudantes dos últimos
cursos e estudantes acabados de titular das enxeñarías de Telecomunicacións,
Industrial e Minas, aínda que a conxuntura económica actual leva a que este ano
o evento conte cunha menor presenza empresarial.
O coordinador deste encontro que terá lugar entre os días 20 e 23, Pablo
A. Sánchez, confía no éxito do foro por ser o sector tecnolóxico “un dos menos afectados pola crise laboral e
segue habendo moitas empresas que aínda están abertas a novas contratacións”.
Entre as novidades desta edición destaca unha mesa redonda na que analizarán o
presente e o futuro dos vehículos eléctricos, na que participarán
representantes de Proeco, Little Cars e BlueMovility.
Por este foro pasarán representantes de empresas como R, Altia, Norvento,
Igalia, BlueMovility, Repsol, Tecnocom... e incluso da Fundación Pedro Barrié
de la Maza e das Forzas Armadas.
