Unayta quere tirar proveito das súas tecnoloxías para recuperar a memoria do noso mar

luns, 30 de xaneiro do 2017 Fernando Sarasketa

Unayta, empresa de servizos tecnolóxicos avanzados emprazada en Milladoiro, comezou ano premendo acelerador en materia de recursos para a dixitalización e as melloras no manexo de grandes cantidades de datos. Deste xeito, amais do pulo á súas ferramentas DigitalDocu e JustBreadSoft (que se van presentar polo miúdo perante as nosas empresas e profesionais no Centro Demostrador TIC, o 8 de febreiro), está a sentar os alicerces dun ambicioso proxecto para recuperar, nas súas palabras, “unha parte importante da memoria do noso país”. Falamos, máis en detalle, da memoria do noso mar e das xentes que nel traballaron e viviron.
A iniciativa, arestora en preparación, artellarase en función das subvencións para proxectos promovidos polos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP), en colaboración diferentes confrarías. Segundo informa Unayta, é de xustiza empregar a nosa innovación e as tecnoloxías que temos desenvolvidas para reivindicar o mar galego, por sempre un dos piares fundamentais da nosa sociedade.
O roteiro a seguir, ao abeiro desta iniciativa, é pór en valor a gran cantidade de documentación xerada ao longo de decenios pola actividade mariñeira e marisqueira, unha documentación inxente que “non sempre foi conservada de maneira correcta e á que non se lle ten dado a importancia que realmente merece”. Este coñecemento xerado está hoxe en día en mans de familias, confrarías e asociacións profesionais. Componse de fotografías, documentación e todo tipo de testemuñas. “Queremos apoiar a todos os colectivos mariñeiros na recuperación da súa memoria fotográfica, na dixitalización da súa documentación e na organización dos seus arquivos”, informa Unayta, engadindo a certa obriga que teñen as empresas galegas innovadoras de “aproveitar os seus coñecementos e ferramentas para garantir a conservación dun patrimonio documental pouco estudado pero de gran interese, tanto para a sociedade mariñeira coma para o público investigador”.

PUBLICIDADE