Unha boa parte do concello de Pedrafita está arestora sen telefonía fixa e móbil

xoves, 3 de febreiro do 2011 Fernando Sarasketa

Semella que na montaña de Lugo as comunicacións volven reproducir estes días certos problemas e dificultades que veñen de antigo. Un exemplo disto é o que está a suceder nunha boa parte do concello de Pedrafita, onde ducias de familias presentaron cadansúa queixa no consistorio por levar sen telefonía fixa dende hai unha semana. Segundo se conta na prensa local, o operador que dá este servizo, Telefónica, recoñeceu a existencia dunha avaría nunha das súas estacións base, problema que aínda non se puído arranxar por mor da neve e máis o xeo formado na contorna da estación.
As principais áreas afectadas son as parroquias de Veiga de Forcas e Zanfoga. Nestes emprazamentos, aos atrancos para darlle uso á telefonía fixa cómpre engadir importantes carencias no sinal de telefonía móbil, dupla circunstancia que deixa a un bo número de familias sen posibilidade de dar resposta a unha hipotética urxencia. Telefónica, pola súa parte, deu a entender que as tentativas de acceso á estación son diarias, pero impídeno como se dixo a existencia de xeo na pista de acceso. De mellorar estas condicións, engade a empresa, darase amañado o problema decontado.