Unha mostra de realidade virtual abre a segunda edición do TEK-FEST

martes, 26 de setembro do 2017 Redacción

Coa ​apertura ​da Mostra ​Internacional ​de ​Realidade ​Virtual ​e Patrimonio, ​esta ​tarde ​no ​Museo ​de ​Pontevedra ​inaugurouse ​oficialmente ​a ​segunda ​edición ​do TEK-FEST, ​Encontro ​de ​Tecnoloxía ​e ​Patrimonio ​que ​se ​celebra ​na ​cidade ​ata ​o ​30 ​de ​setembro. ​Trátase da ​primeira ​mostra ​deste ​tipo ​que ​se ​celebra ​en ​territorio ​galego, ​cunha ​selección ​de ​6 ​obras internacionais ​combinadas ​con ​contidos ​de ​realidade ​virtual ​feitos ​en ​Galicia.
A ​concelleira ​de ​Promoción ​da ​Cidade, Anabel ​Gulías, ​xunto ​co ​concelleiro ​de ​Novas ​Tecnoloxías, Alberto ​Oubiña, Toño ​Cabanelas, ​director ​do ​TEK-FEST ​e ​o ​público ​presente ​no ​acto, ​foron ​os ​primeiros en ​gozar ​desta ​selección ​de ​contidos, ​que ​teñen ​en ​común ​estaren ​relacionados, ​dun ​xeito ​ou ​doutro, coa ​historia, ​a ​memoria ​e ​o ​patrimonio. ​Anabel ​Gulías ​destacou ​a ​aposta ​da ​cidade ​por ​acoller ​a «explosión ​de ​creatividade ​que ​vive ​esta ​cidade», ​mentres ​que ​Oubiña ​subliñou ​o ​vínculo ​entre tecnoloxía ​e ​patrimonio ​para ​atraer ​talento ​de ​fóra ​«e ​mellorar ​a ​vida ​dos ​cidadáns».
Entre ​os ​títulos ​que ​se ​poderán ​ver ​están Notes ​on ​Blindness ​(EE.UU.), ​que ​conta ​a ​experiencia, ​a ​partir de ​gravacións ​de ​audio ​feitas ​nos ​anos ​80, ​dun ​home ​que ​experimenta ​o ​proceso ​da ​cegueira; Fuerza imprevista (México), ​unha ​viaxe ​á ​tradición ​musical, ​o ​baile ​e ​a ​arquitectura ​de ​México; El ​tiempo ​en tus ​manos ​(España), ​unha ​experiencia ​en ​VR ​creada ​a ​partir ​da ​serie ​de ​TVE ​El ​ministerio ​del ​tiempo; Chernobyl ​VR ​Project ​(Polonia), ​unha ​viaxe ​virtual ​á ​cidade ​ucraína ​asolada ​polo ​desastre ​nuclear; Fragments ​(Galicia), ​o ​primeiro fashion ​film ​feito ​en ​360º ​e ​estereoscopía, ​rodado ​na ​Illa ​de San Simón, ​ou ​o ​arquivo ​estereoscópico ​de ​fotografías ​antigas ​da ​Biblioteca ​Pública ​de ​New ​York.
No ​acto ​tamén ​interveu Antonio ​Víctor ​García ​Serrano Zakato, ​un ​dos ​mellores ​camarógrafos ​de realidade ​virtual ​a ​nivel ​internacional, ​que ​colaborou ​nas ​dúas ​obras ​españolas ​que ​se ​poden ​ver ​na Mostra, ​e ​que ​está ​a ​participar ​no ​TEK-FEST ​como ​mentor ​no taller ​de ​VR ​e ​patrimonio ​fotográfico. Zakato ​sinalou ​que ​os ​traballos ​que ​se ​están ​a ​facer ​estes ​días ​no ​obradoiro, ​combinando ​fotos estereoscópicas ​antigas ​da ​cidade ​con ​panorámicas ​en ​360o ​da ​cidade ​actual ​é ​«algo ​único ​que ​non ​se está ​a ​facer ​en ​ningún ​outro ​lugar ​do ​mundo».
A ​partires ​do ​xoves ​pola tarde ​os ​visitantes ​poderán ​tamén ​ver ​algunhas ​destas ​pezas ​que ​se ​están ​a producir ​no ​taller ​de ​realidade ​virtual ​e ​patrimonio. ​Ese ​día ​ás ​19:00 horas, ​no ​Museo ​de ​Pontevedra, ​haberá unha presentación ​pública ​destas ​pezas, ​co ​obxectivo ​de ​ensinarlles ​aos ​pontevedreses ​e ​aos visitantes ​a ​potencia ​e ​o ​valor ​do ​seu ​patrimonio ​fotográfico ​e ​as ​posibilidades ​que ​ofrece ​a ​realidade virtual ​para ​facelo ​visible ​en ​todo ​o ​mundo ​.
A ​Mostra ​permanecerá ​aberta ​ao ​público ​o ​martes, ​mércores, ​xoves ​e ​venres ​de ​17:00 ​a ​21:00 horas ​e ​o ​sábado de ​11:00 ​a ​14:00 ​e ​de ​17:00 a ​21:00 horas. ​A ​entrada ​é de balde.