Unha web aluga bolsos de luxo a prezos para case tódolos petos

martes, 1 de abril do 2008 Raquel Noya

Selección dos bolsos que oferta a web escollidos ao chou. (nótese que a selección non se fixo elixindo os máis feos pois son todos por esa liña). É o que hai.

Internet é un caixón de xastre que nunca deixa de sorprendernos. Se a semana pasada botamos un bo anaco probando distintos tipos de peiteados e maquillaxes en Taaz.com, web deseñada para que as mulleres poidan facer cambios de look sen arriscarse a quedar feita un fiasco, esta semana o xornal La Voz de Galicia acode cunha nova web que ben seguro non vai pasar desapercibida entre o público feminino (e tampouco polo masculino, máis especial): trátase da páxina Frombagstorieches.com que permite alugar bolsos de luxo a través da Rede por prezos bastante razoables (aínda que hai de todo e para tódolos gustos).
Iso de mercar falsos Gucci ou Hermes nos chineses ou no mercadiño e levalos con tanta fachenda como se a propia Victoria Beckam nolos emprestara ten os días contados, sobre todo dende que esta peculiar páxina oferta os bolsos das famosas para mulleres con soldos mileuristas que terían que aforrar toda a súa vida (e non casar nin ter fillos) para adquirir un só complemento desas prestixiosas marcas.
A web recolle distintas propostas e incluso, segundo apunta o xornal galego, “aconsella ás clientas sobre o accesorio que máis lle convén dependendo da ocasión”. Ademais, Frombagtoriches.com conta cunha sección adicional na que se mostran os estilos e os modelos que levan as famosas máis fashion e ofrece produtos similares para imitalas e non deixar un ril como pago por facelo.
Botando unha ollada pola web (unha sempre sente certa curiosidade por estas cousas) podemos comprobar que os prezos por alugar bolsos de luxo durante un mes oscilan, dependendo da marca, entre os 35 e os 300 dólares máis unha cantidade que se deixa en concepto de fianza por posibles danos ou perdas da peza.
O antollo sae caro máis iso si, non tódolos días se pode dicir que o bolso que levas ao traballo é un Louis Vuitton igual ao de Carolina de Mónaco, aínda que este sexa horripilante a máis non dar.

PUBLICIDADE