Unha xornada abordará os perfís profesionais demandados na era dixital
luns, 2 de decembro do 2013
Co gallo da celebración do Día
Internacional do Voluntariado o vindeiro 5 de decembro, a Axencia para a
Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) organiza, no marco do Programa de
Voluntariado Dixital, a xornada Novos
Perfís Profesionais na Era Dixital da que podemos descargar
o seu programa en formato PDF.
O seminario, que se celebrará a partir das 9:30
horas na sede da AMTEGA, no edificio CINC da Cidade da Cultura, ten como
obxectivo mostrar os novos perfís profesionais que están a xurdir grazas ao
avance da economía dixital e que están a demandar cada vez máis as empresas. Os
asistentes á xornada coñecerán de primeira man a experiencia de nove mozos e
mozas galegos que apostaron por emprender no eido das TIC.
Poderase seguir a través de videoconferencia
nas aulas CeMIT Vilagarcia, Barreiros, Celanova, Lalin, Cerceda, Tui e Monforte,
para o que está aberto un formulario
de inscrición na páxina web do Programa de Voluntariado Dixital.
Conferencia central
O experto en marketing dixital e redes sociais, Juan Merodio, será o encargado de iniciar a sesión cunha conferencia sobre os novos perfís profesionais xurdidos ao abeiro da nova economía dixital. Merodio, é relator habitual de Congresos de ámbito nacional e internacional e profesor na Universidade Rey Juan Carlos, CESMA e o Instituto de Empresa (IE), entre outros centros. É fundador do Grupo Ellas, empresa enfocada á creación de páxina web dedicadas á muller; socio-fundador de Marketing Surfers, a Axencia de Marketing 2.0; socio e director de Marketing de InvierteME, a rede de Emprendedores e Investidores e Fundador de Emprende Finance, onde axudan a emprendedores a conseguir financiamento para os seus proxectos.
Profesionais do marketing, a programación e o deseño dixital
- Sergio Prieto contando a experiencia de Gato Salvaje Estudio co seu xogo AR-K
Tras a conferencia inaugural, 9 mozos e mozas
galegos contarán a súa experiencia profesional en tres ámbitos do eido
tecnolóxico. Na área do marketing e a comunicación dixital
participarán José Alcañiz,
xerente da Central de Reservas de Hoteles Buscadestinos.com; Óscar Reboiras, xornalista e xestor
de redes sociais do operador R; e o David
Serantes, responsable do blog
Serantes & Cía.
No eido da programación de videoxogos e aplicacións
para teléfonos móbiles, exporán a súas experiencias profesionais Sergio Prieto,
fundador de Gato Salvaje Estudio;
Xurxo Méndez, CEO en SmartGalApps; e Alberto Ruibal, fundador da
empresa Mobialia.
A xornada rematará coa visión de tres
profesionais galegos do deseño virtual, arte e creatividade: Daniel de Castro,
director de arte en DeCastro-Designers; Pablo López, xerente de Hacce
Soluciones TIC e Alexandre Santorio, socio de Duplo Estudio.
O encontro gozará do reportuiteo da
xornalista Laura Camino, que
nos últimos meses destacou por facer o seguimento de distintos eventos de
carácter tecnolóxico a través das plataformas sociais, contribuíndo dun xeito
profesional á súa difusión a través das plataformas dixitais.
- O desenvolvemento de videoxogos é unha das profesións na era dixital que destacará esta xornada ao abeiro do Programa de Voluntariado Dixital