Unha xornada no CITIC tende pontes ao financiamento do I+D+i empresarial

martes, 14 de abril do 2015 Marcus Fernández

Esta mañá o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) acolle unha xornada sobre Oportunidades de financiamento I+D empresarial período 2015-2020 organizado en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e co Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) para presentar as oportunidades de financiamento para os proxectos de investigación e desenvolvemento que partan de empresas e centros tecnolóxicos. Esta actividade está enmarcada nunha serie de eventos organizados polo CITIC para o fomento da transferencia tecnolóxica cara o sector empresarial.
A xornada comezou cunha presentación conducida polo coordinador do CITIC, Manuel González Penedo, na que participaron a directora da área de Centros da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Sonia Pazos Álvarez, o adxunto a Transferencia, Vicerreitorado de Investigación e Transferencia da UDC, Jerónimo Puertas Agudo, e Luís Maeso de la Morena, da Dirección de Promoción e Coordinación do CDTI.
Nesta presentación da xornada a representante de GAIN quixo salientar que “a visión do CITIC como un punto de encontro entre a Universidade e a Empresa, combina departamentos de I+D+i de empresas con investigadores provenientes do ámbito universitario, parécenos que é, sen dúbida, unha formulación de éxito, o foco no que deberiamos centrarnos nesta orientación” dada “a importancia da coordinación e da colaboración, de impulsar e desenvolver proxecto colaborativos entre empresas e centros de coñecemento (universidades, centros tecnolóxicos...). Proxectos de innovación aberta, este novo paradigma que é a innovación aberta, xa non é tan novo. É máis coñecido. GAIN ofrece unha atención prioritaria a esta innovación aberta porque permite optimizar os recursos, compartir os custos e os riscos do I+D+i e obter resultados que permitan ás nosas empresas e aos nosos centros competir nun contexto global. Tanto é así que GAIN concede axudas a proxectos de I+D+i de empresas que van en colaboración con outras empresas ou con centros de coñecemento, que teñan foco na transferencia e partan do tecido industrial e da empresa”.
Sonia Pazos Álvarez tamén apuntou que dende GAIN “complementámonos co CDTI, cunha programación conxunta para que todos os proxectos teñan un financiamento adecuado e ningunha idea de I+D+i quede sen financiamento”, completando a súa intervención animando ás empresas e aos centros tecnolóxicos a que “sigan apostando pola innovación aberta, apostando polo I+D+i colaborativa, conseguindo resultados que xerarán crecemento, pulo, emprego e economía”.
Pola súa banda, Luís Maeo de la Morena comezou apuntando que o “CDTI é unha entidade pública empresarial. Estamos adscritos ao Ministerio de Economía. A nosa misión é apoiar ás empresas que deciden ser competitivas a través do desenvolvemento de tecnoloxía. Nós premiamos e bonificamos todos os proxectos nos que se produce unha colaboración conxunta entre empresas e universidade para ser máis competitivos vías esta barreira de entrada”, e para afondar nesta material realizou unha completa presentación sobre las liñas de axudas que ofrecen para o I+D+i empresarial. Pero a participación do CDTI non se limita a expor las súas liñas de axudas, senón que tamén chega en forma de xuntanzas bilaterais coas empresas interesadas en participar nas mesmas, de xeito que este encontro ten unha parte claramente produtiva para os asistentes, que poden iniciar así os contactos para que os seus proxectos poidan acadar o financiamento preciso para poder chegar a bo porto.
A xornada celebrada na sede do CITIC no coruñés Campus de Elviña contou tamén coa presentación dun par de casos de éxito que correron da man de Juan Ángel Ferreiro Lage (Indra Software Labs) e Rafael Ave Souto (Emetel Sistemas).

A xornada celebrada no CITIC busca contribuír á transferencia tecnolóxica facilitando a busca de financiamento para o I+D+i empresarial

PUBLICIDADE