Usuarios e operadoras difiren nos resultados acadados do Día sen móbil
venres, 2 de marzo do 2007
Mentres as principais operadoras de telefonía consideran que a convocatoria do Día sen Móbil non causou un descenso nas chamadas respecto de outros xoves normais, as organizacións de consumidores cren que a protesta foi “un éxito” (malia teren que fiarse dos datos que ofrecen as compañías de telefonía e da palabra dos usuarios). Cómpre lembrar que distintos colectivos convidaron ós usuarios na xornada de onte a apagar os seus móbiles co fin de amosar de xeito conxunto o rexeitamento á subida do 25 por cento das tarifas no establecemento de chamada que as operadoras levan a cabo dende o mesmo día, coincidindo coa entrada en vigor da Lai de Mellora de Protección dos Consumidores que prohibe o redondeo á alza.
Representantes de Vodafone e Orange (antes Amena) alegaron que a protesta non tivo incidencia no tráfico telefónico e que a xornada escollida para a folga do uso do móbil foi un día absolutamente normal no consumo de telefonía.
A terceira compañía en discordia, Movistar, aínda non fixo declaracións ó respecto polo que haberá que agardar para chegar a unha conclusión inequívoca das repercusións do Día sen móbil. Pola súa parte, a Comisión Nacional das Telecomunicacións e o Tribunal da Competencia están estudando se houbo un acordo entre operadoras para a suba dos prezos e “agardan ter resultados proximamente”.
Secundada ou non, o certo é que a Xornada dos móbiles caídos non pasou desapercibida e usuarios e cidadáns fixeron do “apagón” dos teléfonos o tema do día na rúa e nos medios de comunicación.
