Víctor Salgado recomenda extremar a preocupación ante a captación de datos de Threads
venres, 5 de xaneiro do 2024
O
experto en dereito dixital Víctor Salgado Seguín, do bufete coruñés
Pintos & Salgado, vén
de analizar a situación da nova rede social estreada en decembro,
Threads. Ao seu xuízo, “non podemos esquecer que Meta está detrás
e iso obríganos a extremar a precaución ante posibles abusos”.
Salgado lembra escándalos como o de Cambridge Analytica ou a recente
multa histórica a Facebook por parte da UE para “manternos
cautos”.
Na
súa análise Salgado pon o foco nas dúbidas que xeran dúas
preguntas: como xestionan os nosos datos as grandes compañías
tecnolóxicas e como se garanten contornas dixitais seguros para os
usuarios? Atopar unha resposta para ambas as cuestións é unha das
principais obsesións da Unión Europea, e a chegada de Threads este
decembro pasado reforza aínda máis o seu interese por garantir a
protección dos dereitos do cidadán medio. Aproveitando o lanzamento
da nova plataforma en Europa, o bufete de avogados coruñés Pintos &
Salgado vén de analizar o seu impacto e, sobre todo, o que poden
esperar os usuarios en canto a protección e manexo dos seus datos.
Faino
Víctor Salgado, especialista en dereito dixital e divulgador en
ciberseguridade: “Debemos entender Threads como unha acción para
que Meta teña a súa Twitter particular; quere recuperar o seu
espírito, pero tamén substituílo, diversificando as súas
ferramentas para a extracción de datos”. Para Salgado, é difícil
pensar en Threads sen lembrar os escándalos de Meta relacionados coa
recompilación ilegal de información. “É o mesmo modelo de
negocio, a mesma finalidade que teñen Facebook e Instagram:
captación masiva de datos para a súa suposta explotación
comercial. Pero sabemos que poden ir máis aló e vendelos ou mesmo
utilizalos internamente para fins que nin sequera imaxinamos”,
expón o avogado coruñés, salientando conflitos como o de Cambridge
Analytica, que incluíu procesos de propaganda política e terminou
con Mark Zuckerberg testificando ante o Congreso dos Estados Unidos.
Desde
Pintos & Salgado aluden de maneira directa aos precedentes nos
que Meta vulnerou o Regulamento Xeral de Protección de Datos (RGPD)
da Unión Europea. O caso máis soado: a multa de 1.200 millóns de
euros a Facebook por violar a política de protección de datos de
Europa, “as maiores sancións que puxo a UE”, segundo a
perspectiva de Víctor Salgado.
A
interconexión con Instagram, outro factor de risco
Salgado
tamén fai fincapé no inicio de Threads e a súa vinculación coa
súa plataforma irmá, Instagram. Isto permite que os usuarios poidan
trasladar toda a súa información e compartir contido facilmente
dunha rede social a outra, pero tamén entraña perigos. “A
integración é total, pero iso reduce a liberdade do usuario. Nin
sequera hai unha política de privacidade específica para Threads;
compártea con Instagram”, salientan desde o bufete. Precisamente
nesa política de privacidade común detállase que, baixo
consentimento previo, Meta pode utilizar información sensíbel como
a orientación sexual, crenzas relixiosas, ideoloxías políticas ou
orixe racial para mellorar os seus servizos. E aí está o eixo da
súa política extractiva, a que Salgado expón como principal motivo
para “manternos vixiantes” como usuarios, pero sobre todo a nivel
institucional.