Vigo é a única cidade galega na que Telefónica non terá que compartir a súa rede de fibra óptica

xoves, 25 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) aprobou tras varios meses de deliberacións a medida definitiva para o regulamento dos mercados maioristas de banda larga seguindo as recomendacións da Comisión Europea, o Ministerio de Industria, Enerxía e Turismo e o Ministerio de Economía e Competitividade, optando por manter obrigas diferenciadas para as redes de cobre e fibra óptica de Telefónica, establecendo tamén zonas distintas en función da presión competitiva existente, que se revisarán dentro de tres anos.
Segundo a análise da situación actual do mercado elaborada pola CNMC, identificáronse 66 concellos no territorio español, que xuntan ao 35% da poboación (e que en Galicia son contaría coa cidade de Vigo) no que entende que existe competencia nas redes de nova xeración (contando con redes de fibra óptica ata o fogar e redes de cable coaxial DOCSIS 3.0), existindo un mínimo de 3 operadores despregando redes de nova xeración simultaneamente. Nestas zonas Telefónica non terá ningunha obriga regulamentaria sobre a súa rede de fibra óptica, mentres que no resto dos casos Telefónica deberá presentar antes de 18 meses unha oferta maiorista de acceso virtual á súa rede de fibra óptica na liña do que acontece actualmente coas redes de par de cobre.
Pero a situación de competencia tamén mudou nas vellas redes, e a CNMC tamén ampliou o alcance da zona competitiva ata 758 centrais, o que supón que para o 58% das liñas españolas, onde eliminaranse as obrigas en materia de acceso indirecto nun prazo de 6 meses, mentres que no resto do territorio Telefónica continuará coa súa obriga de ofrecer a súa rede de par de cobre.
Temos así que Telefónica deberá compartir a súa rede de fibra óptica con outros operadores nas cidades de Albacete, Alboraya, Alcalá de Guadaíra, Alcalá de Henares, Alcorcón, Alacant, Almería, Alzira, Arganda del Rey, Badalona, Barcelona, Burgos, Cádiz, Castelló de la Plana, Cerdanyola del Vallès, Córdoba, Cornellà de Llobregat, Coslada, Dos Hermanas, Elx, Fuengirola, Fuenlabrada, Getafe, Gijón, Granada, Granollers, Guadalajara, L’Hospitalet de Llobregat, Huelva, Jaén, Jerez de la Frontera, Leganés, León, Lleida, Logroño, Madrid, Málaga, Mataró, Mislata, Móstoles, Murcia, Oviedo, Palencia, Parla, Paterna, Pinto, Reus, Las Rozas de Madrid, Sabadell, Salamanca, Sant Vicent del Raspeig, Sant Adrià de Besòs, Santa Coloma de Gramenet, Sevilla, Tavernes Blanques, Terrassa, Toledo, Torrejón de Ardoz, Torrent, Valdemoro, Valencia, Valladolid, Vigo, Vilafranca del Penedès, Vila-real e Zaragoza até, como mínimo, dentro de tres anos, cando se revisará a relación de cidades nas que existe competencia.