Vitae achéganos á xestión innovadora de políticas retributivas nas empresas

mércores, 13 de marzo do 2019 Fernando Sarasketa

Vitae Consultores vai organizar o próximo mes a segunda edición do seu curso en aberto sobre Elaboración e Xestión de Políticas Retributivas. O obradoiro, de oito horas de duración, celebrase na Coruña (Hotel Attica 21) o vindeiro 9 de abril. O obxectivo desta nova actividade formativa é, novamente, formar ás nosas empresas e os nosos profesionais nas máis avanzadas metodoloxías de xestión, comunicación e administración. Máis en detalle, o curso capacitará aos participantes para conciliar ao máximo as necesidades e obxectivo da súa empresa coas necesidades e obxectivos dos seus empregados.
Ou sexa, que se busca que os nosos profesionais teñan o adestramento necesario para crear a mellor sintonía entre o que quere a súa empresa (máis cantidade de unidades producidas, máis calidade de produto ou servizo, máis satisfacción do cliente, menos custes de produción) e as demandas do equipo humano (máis soldo, máis incentivos, máis desenvolvemento profesional, máis conciliación da vida persoal e profesional, etc).
Segundo informa Vitae, “o obxectivo da política retributiva dunha empresa, nesta nova etapa que comeza a abrirse, será atraer, reter e manter motivados aos empregados, facendo que dean o mellor de si mesmos para conseguir as metas da empresa, ao menor custe posíbel para a conta de resultados da compañía”.
En termos máis concretos, os obxectivos son: comprender a práctica retributiva como elemento de retención e compromiso coa empresa, practicar a solución aos problemas típicos que debe afrontar un director de recursos humanos no día a día, sermos quen de deseñar a política retributiva da empresa o día seguinte ao remate do curso e, tamén, maximizar o compromiso dos empregados co éxito do proxecto da firma na que traballemos.
Tocaranse temas como os alicerces da política salarial, a análise comparativa da retribución da empresa, a resolución dos problemas retributivos habituais ou os principais indicadores de políticas salariais.
A persoa encargada de impartir estes contidos será Ángel Aledo, director de recursos humanos con máis de 25 anos de experiencia como directivo de RRHH en empresas multinacionais referenciais nos seus sectores, como Otis, Acciona, Heineken ou Renault. Aledo ten unha ampla bagaxe en formación para os tres aspectos básicos dos negocios (psicoloxía industrial, executive MBA e enxeñaría naval) e a día de hoxe é director de Recursos Humanos para o Sur de Europea e Medio Oriente de Otis Elevators.

PUBLICIDADE