Vodafone convírtese na operadora que máis clientes perde mediante portabilidade

mércores, 20 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

Segundo datos oficiais ofrecidos pola CMT, a operadora de telefonía móbil Vodafone, á que xa no mes de novembro non se lle auguraban bos resultados, segue a ser a compañía que máis clientes perde mediante portabilidade por diversos motivos.
A operadora, que se defende afirmando que “o saldo negativo dos últimos meses débese á actividade de prepago”, un segmento no que Vodafone non está librando a batalla da portabilidade, afirma non estar tan mal, e que se a CMT tratara tamén os datos de substitución do fixo polo móbil (algo no que se está centrando nos últimos meses), “o salto neto de todo o ano sería positivo”.
O certo é que Vodafone, volcado agora na substitución das liñas fixas por liñas móbiles (con campañas como a de Vodafone en casa), está a deixar de mostrar interese polos usuarios de prepago, algo que non tardará demasiado en pasarlle factura e que xa se está a notar nos informes oficiais.
En concreto, o informe da CMT para o pasado mes de novembro indica que, en relación cos resultados netos de portabilidade, Movistar ten 9.063 liñas menos fronte a Vodafone, que ten preto de 47.000 (concretamente 46.999) menos, e o resto de operadoras, que teñen un saldo positivo, Orange con 21.689, Yoigo con 28.488 e OMVs con 11.885 liñas.
No referente á cota de ganancia total (portabilidade + altas novas + baixas) que segundo informan dende Xatacamovil, se adapta mellor á realidade, indica que o 100 por cento das novas liñas do trimestre pasado (entre setembro e novembro), o mercado repartiunas de maneira similar, excepto a Vodafone, que é “a únnica que cede e perde o 18,19 por cento das altas deste trimestre”.