Vodafone distribuirá de balde accesorios para mellorar a comunicación entre as persoas que leven audiófonos

mércores, 2 de xuño do 2010 Fernando Sarasketa

Vodafone España e Óptica 2000 veñen de asinar un acordo para mellorar a inserción no eido das telecomunicacións de persoas con diversidade funcional auditiva. Entre outras cousas, o proxecto conxunto baséase en poñer ao alcance destes colectivos, a xeito de proba ou ben de cesión gratuíta, teléfonos móbiles e accesorios compatibles cos seus audiófonos. Deste xeito, informan as entidades asinantes, preténdese mellorar a calidade de vida dos usuarios dos devanditos aparellos ou de implantes cocleares.
Entre os equipamentos que se achegarán de balde aos clientes de Vodafone atópase o accesorio Streamer, que mellora a comunicación e a despexa de interferencias.
Este dispositivo funciona con tecnoloxía Rise de Oticon, que pon en xogo conectividade sen fíos e dispoñibilidade de banda ancha entre audiófonos.
Polo que respecta ás tecnoloxías que se poderán probar de maneira gratuíta, dicir que se inclúen neste feixe unha serie de teléfonos móbiles e accesorios compatibles cos instrumentos desenvolvidos para mellorar a audición.
A iniciativa, que conta co apoio do Centro Nacional de Tecnoloxías de Accesibilidade (CENTAC), constitúe unha resposta ao seguinte dato: o 41% dos usuarios dos devanditos aparellos para o ouvido non pode usar de xeito correcto o teléfono móbil debido aos sons que producen no caso de achegalos.