Vodafone, o operador de banda larga mellor valorado en España

luns, 7 de setembro do 2009 Fernando Sarasketa

Malia que situar nun sector tan convulso como o das telecomunicacións a empresa mellor vista soe ser como valorar un político (non se identifica o mellor, senón o menos malo, que é moi diferente), o certo é que non podemos deixar de lado a comparativa que veñen de actualizar en ADSLZone onde se reflicte polo miúdo cales son as empresas que mellor saen paradas nisto do mercado da banda larga. Segundo se nos conta na dita web, finalmente resulta ser Vodafone o operador nacional de ADSL mellor valorado, en boa medida grazas ás súas máis recentes ofertas en materia de acceso á Rede e grazas tamén aos servizos que vai ofrecendo de atención ao cliente e demais.
O caso non deixa de ser ben rechamante se temos en conta que se trata da última das empresas das súas características que decidiu apostar finalmente pola banda larga fixa en España, “consolidándose paseniño ao longo deste breve tempo como unha alternativa real a Telefónica”, sinálase na dita páxina.
Como dixemos, entre os seus puntos fortes atópanse as súas ofertas, relativamente a bo prezo, entre as que se contaban ata o de agora as seguintes:
· ADSL 6 Mb / 300 + chamadas: 34,90 €/mes (prezo con IVE 40,48 €/mes)
· ADSL 12 Mb / 500Kbps + chamadas: 39,90 €/mes (prezo con IVE 46,28 €/mes)
Con todo, onde de verdade se atopa o choio (relativamente falando, insistimos, porque todo é sempre mellorable) para ADSLZone é no ADSL indirecto que está a poñer en xogo en todo o territorio estatal e sen cobrar a cota de liña, ficando a oferta, logo deste mes de setembro, do seguinte xeito:
· ADSL 6 Mb / 640 Kbps: 29,90 euros
· ADSL 10 Mb / 320 Kbps: 39,90 euros.