Vodafone podería lanzar esta semana a tarifa Super 60x1

mércores, 3 de decembro do 2008 Marcus Fernández

O vindeiro venres se agarda que Vodafone lance a súa nova promoción para captar clientes no Nadal, de xeito que segundo unha filtración achegada a través dun foro na web, permitirá contratar ata o 31 de xaneiro de 2009 (continuando activa tras tal data) a tarifa Super 60x1, que sería unha como a tarifa Vitamina 60x1 a todos pero sen limitación de horarios, de xeito que os seus usuarios poderán facer chamadas a calquera móbil ou fixo estatal a calquera hora do día pagando só o primeiro minuto (19 céntimos en contrato e 35 céntimos en prepago) ao que habería que engadir 15 céntimos de establecemento de chamada.
Esta nova tarifa en vez de ter un consumo mínimo de 9 euros/mes pasaría a 12 euros/mes e tería un tope de consumo mensual de 800 minutos, a partir dos que se aplicarán as tarifas habituais de voz da operadora.
Queda por ver a reacción que terán o resto de operadoras a esta impresionante plan de prezos, que só ten limitado o seu período de alta (que non de uso) como tamén pasou coa antes mencionada tarifa Vitamina 60x1 a todos (na que non se aceptan novas altas, pero continúa a aplicarse a milleiros de clientes).

PUBLICIDADE