Vodafone prepara un ERE tras pechar 2012 como o operador móbil peor valorado

luns, 14 de xaneiro do 2013 Marcus Fernández

Parece que Vodafone non está a pasar os seus mellores momentos en España, e hoxe comunicou aos sindicatos a apertura do período de consultas do Expediente de Regulación de Emprego (ERE) que podería afectar ao 25% do cadro de persoal estatal, composto por uns 4.300 traballadores.
Durante 30 días empresa e sindicatos intentarán achegar as súas posturas, o que dende o sector dos traballadores parece algo difícil, pois a idade media dos traballadores da compañía é de só 38 anos, polo que resultaría difícil completar o proceso con xubilacións anticipadas.
No período comprendido entre o 1 de abril e o 30 de setembro os ingresos de Vodafone en España terían caído un 11% ata os 2.319 millóns de euros, debido á baixada de prezos e ao mellor uso do móbil por mor da conxuntura económica, aínda que mantendo os seus resultados en números positivos.

O operador móbil peor valorado e con máis reclamacións

Hoxe mesmo FACUA-Consumidores en Acción lembra que os abusos e fraudes de Vodafone converteron á compañía de telecomunicacións máis denunciada por usuarios de FACUA durante 2012, chegando a acaparar o 35,1% das reclamacións do sector da telefonía, no que Movistar queda nun segundo lugar (co 29% das consultas e reclamacións).
Nunha enquisa elaborada por FACUA en base a 6.489 consultas tamén podía concluírse que Vodafone era o operador móbil peor valorado polos seus clientes.