Volven as aventuras dos Xinetes da Apocalipse en Darksiders III

luns, 26 de novembro do 2018 Marcus Fernández

A saga de Darksiders quedara conxelada por mor da mala fortuna da súa editora, THQ, e despois de que Nordic Games se fixese coa marca THQ, quedou vía libre para remasterizar os dous primeiros xogos da franquía para preparar o terreo para unha terceira entrega, que mantería mecánicas e estética, pero mudaría radicalmente de protagonista, de xeito que en vez de encargar a Guerra ou Morte, teremos á maga Furia (versión do xinete tradicionalmente coñecido como Fame), que terá que perseguir e desfacerse das encarnacións físicas dos sete Pecados Capitais.
Furia terá que restaurar o equilibrio entre o ben e o mal na Terra valéndose da maxia e do seu látego, contando tamén con novas armas, movementos e habilidades transversais, que desenvolver ao longo dun mundo aberto, vivo e con múltiples posibilidades.
Este xogo, desenvolvido por Gunfire Games (estudio composto por múltiples traballadores de Vigil Games implicados nos primeiros Darksiders) ten como data oficial de lanzamento o 27 de novembro, que é cando poderemos gozar da súa versión estándar para Xbox One, PlayStation 4 e PC, pero os compradores de calquera das edicións especiais de Darksiders III poden gozar deste título dende hoxe, ou sexa, que como incentivo de reserva reciben 24 horas de acceso anticipado.

Tráiler do xogo

PUBLICIDADE