Warner cancela o xogo de Wonder Woman e pecha 3 estudios de videoxogos

martes, 25 de febreiro do 2025 Marcus Fernández

A gala dos The Game Awards 2021 serviu para presentar numerosos videoxogos como o de Wonder Woman, que estaría a ser desenvolvido por Monolith Productions, responsables de Sombras de Mordor, polo que parecía unha garantía de éxito, pero a difícil situación que está a pasar a industria do videoxogo azoutou duramente á división de videoxogos da Warner, que non só tería cancelado o xogo de Wonder Woman, senón que tamén estaría a pechar tres dos seus estudios de videoxogos: Monolith Productions, Player First Games e Warner Bros. Games San Diego.
O peche dos estudios estaría a ser notificado aos traballadores, e respondería a un cambio de rumbo da compañía para centrarse en franquías de peso como Mortal Kombat, Game of Thrones e, no caso de DC Comics, Batman (pois non podemos esquecer que todos os xogos que pretendían correr a remuda da serie Batman Arkham sen contar co cruzado da capa foron un rotundo fracaso).
O responsable da división de videoxogos da Warner, Jean-Briac Perrette, tería criticado a caída na calidade dos últimos lanzamentos, polo que considera preciso realizar cambios substanciais enfocando os recursos poucas e grandes franquías.
Aínda que o peche de Monolith Productions poida resultar decepcionante, o caso de Player First Games sorprende menos, pois é o estudio detrás de MultiVersus, xogo que levan buscando o seu lugar (sen éxito) dende 2022 e que anunciou o peche dos seus servidores o 30 de maio.
Con estes axustes Warner Bros. Games confía poder volver á senda dos beneficios e o crecemento este mesmo ano.