XGN R Encounter abre non oficialmente as súas portas este xoves

mércores, 9 de outubro do 2019 Redacción

A party informática XGN R Encounter, que se celebrará na Feira Internacional de Galicia ABANCA do 11 ao 13 de outubro, abre as súas portas de forma non oficial o xoves 10, apertura, que será ás catro da tarde, co que pretenden facilitar o acceso graduado dos inscritos, permitindo a aqueles que o desexen comezar a instalar tanto os seus postos informáticos como os seus útiles para durmir, xa que a party conta con zona de acampada.
O xoves será unha xornada centrada na realización de distintas probas técnicas e de montaxe. Os inscritos que acudan poderán comezar a empregar os seus equipos, aínda que se farán probas para garantir a estabilidade da conexión e a dispoñibilidade da Rede de cara ao comezo oficial ao día seguinte, cando poderán navegar a unha velocidade de 20 Gbps simétricos, a cal duplica a do ano pasado.
Por outra banda, o programa de actividades da XGN R Encounter non comezará até o venres 11, día oficial da apertura do evento. Será entón cando se poñan en marcha as propostas da área Intranet, orientada a inscritos que poderán participar en numerosas actividades e torneos exclusivos, e tamén as da zona Extranet, a cal conta cun completo programa ao que poderán acceder gratuitamente tanto rexistrados como os visitantes que se acheguen ao recinto
Aínda que a party conta xa con preto de 1.000 inscritos, o que supón un aumento de máis de 100 respecto á pasada edición, as inscricións continúan abertas, pois nesta edición a XGN R Encounter dispón de 1.080 postos de usuario. O prezo é de 40 euros durante a party e de 35 euros si se leva a cabo mediante reserva previa. Quen desexe achegarse á zona Extranet da party terá acceso libre e de balde.

PUBLICIDADE