Xa están na Rede os nomes dos 3.000 núcleos galegos que van contar con banda ampla ó longo deste ano

mércores, 21 de marzo do 2007 Fernando Sarasketa

Na nosa terra, hai aínda amplas zonas de territorio que non teñen nin tan sequera unha mínima opción de conectarse á Rede en boas concidións, ben sexa porque viven en lugares de orografía complicada, ben porque ás operadoras que subministran o servizo non lle atopan o negocio a habilitar infraestrutura alí, ben porque as administracións non poden custealo a curto prazo, ou ben por todas esas razóns á vez e algunha máis que se nos esquence. Mais, paseniño (máis paseniño do que nos gustaría) esa certa brétema dixital na que vive Galiza semella ir disipándose. Polo menos, así o vén de asegurar o Goberno central: ó longo deste ano, a banda ampla chegará a uns 3.000 lugares do rural galego, segundo consta no novo calendario da segunda fase do Programa Nacional de Extensión de Banda Ampla. Dase a (boa) casualidade de que os galegos e galegas que non temos aínda Internet ó alcance da man poderemos seguir de preto nesta listaxe que núcleos de poboación se van sumando á Rede de alta velocidade e que tecnoloxía se emprega en cada un deles.
Segundo podemos ver refrectido en Agnix e máis na Estratexia Galega da Sociedade da Información (PEGSI), onde tamén se fai constar que o total dos enclaves previstos nesta segunda fase do proxecto é de 3.512, sendo (como dixemos) arredor de 3.000 os que, se nada o impide, van ter acceso á Rede ó longo deste ano en curso. Na web do PEGSI tamén podemos ver que a Consellería de Innovación e o Goberno central inclúen unha liña de actividade público-privada. Isto quere dicir que haberá subvencións e máis empréstimos para a habilitación de infraestruturas na Galiza rural orientados a garantir que antes de 2009 non haxa ningún núcleo de poboación na nosa terra sen posibilidade de formar parte da Sociedade da Información, estando as requisitos mínimos de acceso en 512 quilobytes por segundo.
Esta segunda parte do devandito Programa leva consigo un financiamento de 26 millóns de euros. Por certo, que polo que podemos ver na listaxe descargable de vilas e aldeas incorporadas a curto prazo á Sociedade do Coñecemento, unha das tecnoloxías que máis se vai empregar no despregue vai ser Wimax, que semella consolidarse como axeitada para a orografía galega, precisamente polo que ten de viabilidade perante todo tipo de obstáculos: e nunca mellor dito, tendo en conta a gran cantidade de montañas, serras e vales fondos que ten unha boa parte de Galiza. Tamén cómpre salientar o uso de ADSL e mesmo nalgúns casos ben concretos como o de Castroverde (LUGO) o uso combinado desta tecnoloxía devandita co Wimax. Chegados a este punto, cómpre facer unha nova chamada de atención dirixida ó Goberno central: na listaxe da que falamos non se dá conta por provincias dos lugares beneficiados por estas medidas, doe moito á vista ver “La Coruña”.

PUBLICIDADE