Xbox Game Pass Ultimate estreará o xogo na nube para Android o 15 de setembro

martes, 4 de agosto do 2020 Marcus Fernández

Dende maio podemos probar o xogo na nube de Microsoft en dispositivos móbiles con Android, pero a versión preliminar de Project xCloud ten xa unha data de peche fixada para o vindeiro 11 de setembro, de xeito que para poder seguir gozando de xogos de Xbox One en dispositivos móbiles teremos que ser subscritores de Xbox Game Pass Ultimate, servizo que a partir do 15 de setembro ofrecerá sen custo adicional o catálogo de xogos de Game Pass a través de streaming, facendo oficial este xeito de xogar.
O xogo na nube de Xbox Game Pass Ultimate chegará a 22 mercados entre os que está España, e entre os seus xogos inclúe grandes títulos como Destiny 2, Yakuza Kiwami 2, Grounded e moitos outros; recomendándose para ter unha boa experiencia a adquisición de accesorios de compañías como Razer, PowerA ou NACON para poder engadir aos smartphones (ou tabletas) coas que xoguemos un sistema de control equivalente ao das consolas (de feito, recoméndase o uso de mandos orixinais de Xbox One cun adaptador).
Dende Microsoft tamén adiantan que darán máis detalles sobre este sistema de xogo durante o Samsung Unpacked de mañá, rumoreándose que os novos Galaxy Note incluirán unha subscrición para gozar de Project xCloud no móbil.

PUBLICIDADE