Xfera estrea nova marca

venres, 27 de outubro do 2006 Marcus Fernández

Despois de moitísimas demoras, Xfera, a 4 operadora de telefonía móbil con licenza de UMTS, vai comezar a operar nos vindeiros días, pero cunha nova marca que veñen de presentar: Yoigo.
A nova compañía estará plenamente operativa antes de rematar o ano, e terá prezos moi competitivos, sinalando Johan Andsjoe, conselleiro delegado da empresa, que sería inferior ós 18 céntimos/minuto que publicaron algúns medios.
Ángel García Altozano, presidente de Yoigo, afirmou que buscan ser un exemplo de “innovación, competitividade, atención ó cliente e excelencia operativa”.
Yoigo será así unha nova marca a ter en conta no mercado da telefonía móbil, e está formada por capital de Telia-Sonera e ACS, contando actualmente con 100 traballadores e comezando a funcionar cunhas 800 estacións base que se complementarán coa rede de Vodafone (empresa que lle garantirá a cobertura estatal).