Xornal anuncia que apostará forte polos contidos dixitais

xoves, 4 de agosto do 2011 Fernando Sarasketa

Este xoves os nosos quioscos fican certamente baleiros de información en galego, xa que se trata do día previsto para o cese da publicación de Xornal en edición papel, tal como anunciamos onte, a última das nosas publicacións que diarias que apostaba pola nosa lingua (combinándoa co castelán, todo hai que dicilo) e que se comprometera a empregala en algo máis que unha columna para xustificar unha posíbel subvención. Con todo, tendo en conta o que nos contan dende o medio galego, cómpre non esquecer que a Rede existe, e que entre outras cousas ben pode servir para darlle continuidade a un proxecto destas características. Así o fixeron outros xornais, así probablemente acaben por facelo The New York Times e The Wall Street Journal e así o vai facer Xornal, un diario con cumprida experiencia nas redes e con potencial para, como eles mesmos din, “apostar polo futuro”.
O camiño será difícil, precisamente porque un camiño que se fai cada día, pero non intransitábel. Experiencias previas de referencia hai de abondo, como por exemplo a do Jornal de Brasil, unha das grandes cabeceiras do país irmán, transformado en canle en liña no pasado verán “para ser pioneiro en apostar só polo dixital”, sinálase dende o medio galego. Jornal de Brasil, por certo seguiu o ronsel do Seattle Post-Intelligencer, que se afianzou na Internet logo de case un século e medio de edicións tradicionais. A maiores, outras cabeceiras como The New York Times están a barallar a día de hoxe a posibilidade de tirarlle o máximo partido ás redes dixitais, converténdoas no seu único eido de actividade comercial; de feito, segundo recorda Xornal, o diario xa atopou a día de hoxe unha nova fonte de ingresos: o pago na rede.
Esta aposta polas novas canles de comunicación vai ser extensíbel, no caso da empresa galega, a tódolos seus recursos. Segundo dan a entender fontes do medio, o cambio de rumbo farase de xeito que afecte o menos posíbel aos traballadores, aínda que sobre este punto aínda non hai nada confirmado. Este proceso de dixitalación tamén afectará aos colaboradores habituais, integrantes das tres principais forzas políticas da nosa terra e dos eidos da cultura e da información que tiveron até o de agora o seu espazo na edición en papel do diario. Segundo se informa, seguirán a telo na nova liña dixital: “Malia o fin da edición en papel do diario, esas grandes firmas volverán a estar presentes na rede pero non por iso deixarán de ser importantes”. Firmas como Xoán Antón Pérez-Lema, Xesús Palmou, Pilar García Negro, José Luis Sucasas, Encarna Otero, Rafael Cuiña, Pablo González Mariñas, Jesús Parga, Teresa Táboas, Luciano Fariña, Antonio Campos Romay, Xavier Vence, Iria Salgado, Carme Adán ou José Luis Martín Palacín. “Amais de ofrecer aos lectores as súas expertas opinións sobre o devir da actualidade”, dise dende Xornal, “soportaron estoicamente as chamadas da sección de Opinión para apuralos porque a rotativa mandaba e había que chegar a peche”. Agora, engaden, xa non será así, agora haberá máis tempo para ofrecer aos lectores “unha visión plural da realidade”.

PUBLICIDADE