Yoigo estrea unha tarifa con chamadas a 8 céntimos/minuto

luns, 29 de setembro do 2008 Marcus Fernández

As novas tarifas de Yoigo

A operadora móbil Yoigo renova as súas tarifas para converterse (xunto con Más Móvil) na que ten o prezo por minuto máis baixo, que será de 8 céntimos/minuto (aínda que cun establecemento de chamada de 15 céntimos). As mensaxes SMS tamén pasarán a custar 8 céntimos, polo que a esta nova tarifa se lle chamará la del ocho, mentres que a tarifa actual pasa a chamarse la del cero por cobrar 0 céntimos/min. a chamadas nacionais a outros móbiles de Yoigo (cun máximo de 1 hora ao día) co resto de chamadas a 12 céntimos/min. (cun establecemento de 12 céntimos) e as SMS a 10 céntimos.
As dúas tarifas (tanto para contrato como para tarxeta) compartirán os prezos do resto de servizos: MMS a 30 céntimos, chamadas internacionais a 30 céntimos/min., navegación pola Internet a 1,2 euros/día, así coma un consumo mínimo de 6 euros/mes.
Amais, Yoigo tamén adapta a tecnoloxía HSDPA para ofrecer conexións á Internet a velocidades de ata 3,2 Mbps, que se aplicará á súa tarifa mensual de datos de 25 euros/mes (sen compromiso de permanencia) cunha transferencia de 1 Gb, pagándose o tráfico excedente a 1,5 céntimos/Mbyte cun máximo de 70 euros/mes (aínda que estas últimas conexións reducen a súa velocidade a 128 Kbps).
A compañía tamén continúa a vender o módem USB Huawei E220 a 39 euros e estrea o Programa Renuevo para que os seus clientes poidan cambiar de terminal telefónico a un prezo axustado (que chega a ser de 0 euros no caso de clientes de contrato).

PUBLICIDADE