Yoigo fai descontos sobre móbiles novos se lle levamos un teléfono vello

venres, 5 de xuño do 2009 Fernando Sarasketa

O convite á mudar un móbil por outro dentro das propias tendas onde se comercializan non é novo, pero ás iniciativas postas en marcha ata o de agora, xuntas e por separado, lles faltaba un aquel de cousa oficial milimetricamente estipulada nos seus puntos. Isto é o que se trae precisamente Yoigo entre mans: ofrecer cartos contantes e soantes por un troco de aparello que, sen ser ningunha marabilla (10 euros), ben poden acadar que unha parte dos seus clientes presentes e futuros se decidan a caer por este lado da rede e non polo outro. En definitiva, que o servizo Se traes o teu vello móbil consiste nin máis nin menos que nun desconto de 10 euros por cada trebello entregado á hora da compra de calquera contrato, prepago ou Internet nas tendas de Yoigo. Segundo nos conta a propia firma, na iniciativa só se aceptarán os móbiles vellos que estean na listaxe da empresa (arredor de 500, todos eles non moi antigos: que ninguén agarde coarlle a Yoigo unha antigualla con antena e feitura de sola de zapato).
Polo que parece, a mellor opción para saber de primeira man que aparellos valen e que aparellos non semella ir á tenda que estea máis próxima.
E para saber cal temos máis a man, nada mellor que ir ao buscador, seleccionar provincia e logo de xeito opcional elixir a localidade e o código postal, co fin de limitar un pouco o proceso de procura. Por certo que a operadora tamén informa de que cantos máis móbiles vellos entreguemos no intre da compra, máis descontos poderemos obter sobre o custe do trebello novo. Por exemplo, un móbil novo que custa 40 euros pode mesmo saírnos de balde se poñemos sobre o mostrador da tenda catro teléfonos vellos xusto no intre da operación.