Yoigo identifica o termo que máis se repite nos SMS galegos: quérote

xoves, 29 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

A operadora Yoigo vén de presentar un estudo sobre hábitos dos españois arredor do móbil e, amais de poñer de manifesto o que xa supoñiamos -que o tempo empregado en recuperar o móbil esquecido en calquera sitio é case menor có dun pestanexo, tan fonda é a nosa relación co aparello-, achega uns cantos datos interesantes sobre os galegos e galegas. Por exemplo: que emprestamos (vía móbil) a maior das atencións as nosas parellas e que, de feito, ninguén no eido español dedica tantos esforzos, tanto tempo e (tamén) tantos custes económicos a esta tarefa.
Deste xeito, informa Yoigo, o 31% dos galegos e o 4!% das galegas elixen a súa parella como principal destinatario das súas chamadas. A operadora sitúa aos homes galegos nun lugar de indubidable privilexio: somos que máis chamadas recibimos (3,56) ao día das nosas parellas, a media máis alta do Estado español.
E seguimos, xa que a investigación da operadora, que sinala a frase “chego tarde” como a máis repetida nas mensaxes de texto (sms) enviadas polos usuarios de terminal en España, sitúanos (pola contra) ós galegos nun eido completamente distinto. É dicir: se chegamos a deshora sinalámolo igual có resto, pero se cadra somos máis puntuais ou ben máis agarimosos, porque a mensaxe que máis se repite por estas terras é “quérote”. De feito, é a elección do 34% dos enquisados. Asemade, tamén hai datos sobre o que facemos co móbil denantes de durmir. Segundo o informe de Yoigo, en Galiza rexístrase a taxa máis alta de persoas que continúan a levar a cabo un xesto tan simple e decisivo como apagar o aparello. Así, o 27,7% dos homes e o 30,7% das mulleres néganse a que unha chamada nocturna interrompa o seu descanso.