Yoigo ofrecerá móbiles "cun modelo semellante ao leasing de coches"
mércores, 26 de febreiro do 2014
O cuarto operador móbil con rede propia en España, Yoigo,
anunciou hoxe durante o Mobile World Congress que a partir do 5 de marzo os
seus clientes terán unha nova posibilidade dentro do programa compra de móbiles
con pagamento a prazos, que vén a ser unha especie de leasing no que os clientes, tras do pagamento inicial por un novo
móbil e aboar 24 cotas mensuais (con cantidades que irán en función da tarifa
contratada) poderán facer un pagamento final para facerse coa propiedade do
terminal ou devolver o dispositivo (aforrando este último pagamento e podendo
optar por renovar unha vez máis o móbil pola mesma fórmula).
Yoigo tamén anunciou que continuará a espallar a súa rede 4G, xa presente nas cidades
das provincias de A Coruña e Pontevedra, e que antes de rematar
este mes promete chegar tamén á provincia de Ourense (xunto a outras 9
provincias adicionais), como xa anunciaron o venres pasado.
Os clientes de contrato e tarxeta de Yoigo tamén poderán gozar a partir do
verán dunha mellor protección grazas a novas medidas para limitar os cargos
excesivos orixinados por servizos de pagamento adicional, limitándose de xeito
predeterminado os servizos Premium de subscrición, pedindo confirmación por SMS
ao superarse certa cantidade de consumida e facilitando información e sistema
de baixa dos distintos servizos que tantas desagradables sorpresas teñen
ocasionado nas facturas telefónicas.
