Yoigo quita o cartel de <EM>en venta</EM> e colle folgos
luns, 7 de setembro do 2009
Yoigo semella ter máis futuro do que nun principio se pensaba. Segundo se conta na Rede, a (relativamente) nova operadora española vén de quitar de maneira definitiva (polo menos a curto e medio prazo) o cartel de “se vende”, apostando agora por coller folgos e, coloquialmente falando, tirar pra adiante. Así o fixo saber TeliaSonera, a compañía nórdica da que Yoigo forma parte e para quen está ben claro que é hora de interromper a procura de comprador para centrarse no que con máis ou menos matices se lle daba ben á empresa española: captar clientes á busca de alternativas (en teoría máis baratas) ás ofrecidas polas grandes empresas como Movistar ou Vodafone. A orixe deste proceso bloqueado de venda da cómpre buscalo en outubro do ano pasado, cando a empresa sueca confirmou que andaba á busca de opcións para a súa participación en Yoigo.
Con todo, e pasado un ano sen ter atopado unha alternativa que deixase satisfeito ao accionariado, a vida de Yoigo adquire novo rumbo, sobre todo trala decisión de TeliaSonera de apostar pola acción empresarial en España, situándose ela mesma como principal apoio para o desenvolvemento da operadora española. As previsións non pintan mal: a compoñía non para de medrar, cun medre nos ingresos do 100% en 2009 con respecto ás cifras acadadas o ano anterior e cunha posición máis que privilexiada no que a actividade de portabilidade se refire, segundo indica a CMT.
